|
No mes de xuño, Alan Woods estivo en Venezuela onde realizou unha xira por todo o país, organizada pola CMR, para presentar o seu último libro: Reformismo ou Revolución. Marxismo e socialismo do século XXI (unha resposta a Heinz Dieterich). Neste libro, Alan expón as ideas do marxismo baseándose nunha crítica ás ideas de Dieterich, quen baixo a pretensión de reinventar o marxismo só encobre as ideas do reformismo en Venezuela, e as de todos aqueles que queren manter a revolución bolivariana dentro dos límites do capitalismo.
Os actos públicos comezaron o 16 de xuño en Maturín, capital do estado de Monagas. O primeiro acto foi unha charla sobre o seu libro Bolchevismo, o camiño á revolución, a petición dos militantes do PSUV.
O 17 de xuño Alan presentou o seu último libro ante máis de 200 traballadores de PDVSA tamén en Monagas. Expresou o seu rexeitamento á reunión que mantivo o presidente Chávez o 11 de xuño cos empresarios do país e onde ofreceu aos capitalistas toda unha serie de incentivos á produción, facéndolles un chamamento para que se unisen á construción do socialismo. Alan recordou como, despois do frustrado golpe, os sectores reformistas presionaron a Chávez para que negociase cos capitalistas e estes respostaron co paro patronal de 2003.
No campo petroleiro Morichal, Alan insistiu na necesidade de estender o control obreiro a todas as industrias e expropiar á oligarquía, facendo un chamamento ós traballadores para organizarse nunha loita contra a burocracia e os reformistas: "Nós somos moitos, eles son poucos".
O 21 de xuño Alan foi invitado á asemblea de traballadores do sector automotriz para dar un saúdo. Asistiron máis de 600 traballadores. Alan fixo moita énfase no enorme poder que ten a clase obreira: "Cando a burguesía deu un golpe de estado en abril de 2002 ¿quen salvou a revolución?" e foi respondido polos traballadores presentes: "¡O pobo! ¡A clase traballadora!".
Sidor (Siderurgia do Orinoco), situada en Porto Ordaz (estado de Bolívar), é unha das maiores acerías de América Latina e o presidente Chávez deu a orde de nacionalizar a empresa logo de 13 meses de loita polo contrato colectivo. O 25 de xuño, ante máis de 550 traballadores, Alan destacou a crise do capitalismo mundial, criticou a aqueles que intentan reinventar o socialismo e defendeu a vixencia das ideas do marxismo e do Manifesto Comunista. Rebateu a idea de Dieterich de crear alianzas rexionais coas burguesías doutros países latinoamericanos, explicando que "os únicos aliados da revolución venezolana son os nosos irmáns de clase doutros países e non os capitalistas". Finalmente, o 1 de xullo presentouse o libro en Caracas con Adán Chávez, actual candidato a gobernador de Barinas, ex embaixador en Cuba e ex ministro de Educación. Adán afirmou que "non teño ningún reparo en recomendarlles a lectura do libro que demostra que as ideas de Marx, Engels, Lenin e Trotski seguen sendo relevantes na actualidade. E mentres nós mantemos a nosa propia identidade e idiosincrasia, estas son as ideas que deben formar a base da revolución bolivariana e non outras".
A xira, que ademais tivo unha amplísima repercusión nos medios de comunicación, non pode máis que cualificarse de rotundo éxito. Un acontecemento verdadeiramente histórico para as forzas do marxismo.
|